descargaO Club de Lectura para persoal non docente, pais e nais  e profesorado do IES Valadares celebrará o vindeiro luns, ás 18:30, un  encontro coa escritora María Reimóndez tras a lectura de En vías de extinción.

Novo curso, novas lecturas e novas incorporacións

O pasado día 26 de setembro iniciamos as actividades do club de lectura do alumnado coa celebración da xuntanza constitutiva do mesmo. Somos case 20 integrantes, á falta de confirmar algúns alumnos e alumnas. Este curso empregaremos máis a vía de comunicación do correo electrónico pero seguiremos a empregar este blog para convocatorias e diversa información.

O Club de Lectura de adultos comezará o día 22 deste mes, ás seis e media da tarde, no lugar habitual, cun encontro con Pedro Feijoo, autor d´Os fillos do mar. Seguiremos informando.

Visita de Begoña Caamaño ao Club de Lectura 2 do IES Valadares

O profesorado, persoal non docente e mais varias nais do alumnado do IES Valadares teremos a oportunidade de dialogar con Begoña Caamaño arredor da súa primeira novela Circe ou pracer do azul. Será no lugar habitual dos encontros, este luns sete de maio,  ás seis e media da tarde. Desde aquí agradecemos á autora a súa disponibilidade para acompañarnos nesta nova sensión do club de Lectura Lendo no Galiñeiro 2. Grazas!

Retomamos a actividade no blogue

Tras algún tempo sen postear retomaremos a actividade normal deste blogue. Cómpre informar sobre a visita de Francisco Castro ao club de lecturas de adultos e sobre a vindeira visita de María Reimóndez ao club de lectura Lendo no Galiñeiro. Mañá xuntanza para tod@s, á hora habitual no sitio de sempre!

Resumo da xuntanza e Bo Nadal

O pasado día 12 xuntámonos no lugar habitual para falarmos das lecturas escollidas libremente na última saída efectuada. O balance da xuntanza foi moi positivo malia non participaren, debido ás datas de exames, todos os membros do club. As asistentes falaron dos motivos que as conduciron a escoller o exemplar que leron, resumiron os seus contidos e deron as súas opinións persoais sobre eles. Moito aprendemos sobre Bat Pat, arredor de Tres metros sobre el cielo, Gerónimo Stilton, Avenida do Parque 17,  Lowry, Muerte en la escuela ou Colleita vermella de D. Hammett, entre moitos outros títulos.

Á volta das vacacións acometeremos novas lecturas, neste caso da autora galega María Reimóndez, que virá ao noso club a falar das súas obras. Ademais haberá algunhas novidades como a posta en marcha dun punto de lectura vinculado co Club de lectura. Até daquela bo descanso, boas lecturas e Bo Nadal.

 

Xuntanza día 12 de decembro, logo das clases da mañá

O vindeiro día 12 de decembro, luns, teremos unha xuntanza á hora do xantar para poñer en común as lecturas dos libros que adquirimos na última saída que fixemos, e onde na libraría Versus escollestes un título do voso gusto. Lembrade que non hai que facer traballo ningún, simplemente traer lido o libro e xustificar a razón da escolla dese título, falar do seu contido e compartir con todos e todas se cumpriu as vosas expectativas. Como vedes trátase de falar sobre libros, máis nada. Aproveitaremos para escoller o primeiro título que leremos para o 2012.

Ao longo desta semana repartiránsevos as autorizacións para poderdes quedar no centro o día da xuntanza. Grazas e boas lecturas.

Club de Lectura Lendo no Galiñeiro (II), pechado o prazo de altas

Con grande éxito de participación pechouse o prazo de altas para o club de lectura Lendo no Galiñeiro (II) destinado a persoal docente, persoal non docente e asociación de pais e nais do centro. En total conformamos un grupo de 19 persoas que proveñen dos devanditos ámbitos. Seguirase informando sobre  unha primeira actividade para xuntarnos cando se teña avanzado na lectura de In vino veritas, de Francisco Castro. Moitas grazas.